Friday 29 de March de 2024

12 empresas concorren ao concurso convocado polo Concello de San Sadurniño para o mantemento eléctrico e dos alumeados públicos


A mesa de contratación convocada polo Concello co obxecto de adxudicar o mantemento eléctrico das instalacións municipais e dos alumeados públicos reuniuse esta mañá para abrir os sobres coas propostas técnicas presentadas por un total de 12 empresas do sector. Xunto con este trámite tamén se nomearon as tres persoas expertas que valorarán as ofertas, á espera dunha nova reunión da mesa na que se abrirán os sobres que conteñen as distintas ofertas económicas. O prezo base da licitación do contrato é de algo máis de 87.000 euros máis o ive correspondente para un periodo de prestación de servizos de dous anos prorrogables por outros dous. No Perfil de Contratante do Concello figura toda a documentación referida ao procedemento.

A maioría das empresas que se presentan ao concurso son da comarca, aínda que tamén hai aspirantes doutras zonas de Galicia, como Vigo ou Santiago.O obxecto do contrato é levar o mantemento de toda a rede de alumeados públicos e de instalacións eléctricas municipais. O prezo de saída é de 87.360,24 euros e 18.345,66 do ive, o que fai un importe total de 105.705,90 euros. Unha contía global para dous anos de servizo -ampliables de mútuo acordo a outros dous-que a empresa adxudicataria poderá ir facturando mes a mes contra a presentación da certificación dos traballos que vaia facendo.

O procedemento de adxudicación farase mediante a denominada “multiplicidade de criterios”, é dicir, non só contará a rebaixa que se faga sobre o prezo senón tamén as melloras que se propoñan sobre as condicións esixidas nos pregos. Así, algúns aspectos que puntúan serán a adopción de medidas conducentes a unha maior eficiencia enerxética nos alumeados ou nas instalacións de titulariedade municipal, a redución de prezos unitarios ou o programa que recolla as revisións e calendarios de mantemento preventivo.

En calquera caso, esta mañá reuniuse a mesa de contratación para abrir os sobres que conteñen as ofertas técnicas que agora se encargarán de valorar tres persoas expertas: a arquitecta municipal, Montserrat Ruíz, o técnico do Concello de Oleiros, Javier González e José Manuel Golpe en representación da fundación provincial FAEPAC, especializada en asesoramento sobre aforro enerxético. Contan xuntarse ao longo da semana que vén para estudar a documentación en puntar cada unha das propostas. Porén, antes de decidir de acordo cos criterios marcados nas bases, a mesa aínda deberá abrir os sobres coas ofertas económicas. Non hai data fixada, pero estímase que esa reunión podería ter lugar antes dun mes.

Toda a información referida ao procedemento está publicada no Perfil de Contratante do Concello de San Sadurniño, unha ferramenta xestionada -ao igual que a Sede Electrónica e o Portal de Transparencia- polos servizos administrativos municipais. Alí encóntranse aloxados os pregos técnicos e administrativos e, ademais, neste sitio web con validez legal tamén é onde se mostran as actas e informacións que se van xerando en canto a prazos, posibles modificacións, actualizacións, etc.